Escepticismo da Plataforma ante as declaracións erráticas do Alcalde de Ponteareas

Publicado en 13:01 | Por Defendendo o Tea | En

DESPOIS DA REUNIÓN MANTIDA CO REXEDOR DO PRINCIPAL CONCELLO RIBEIREÑO
Escepticismo da Plataforma ante as declaracións erráticas do Alcalde de Ponteareas en relación á recuperación do Tea

Despois da reunión mantida co Alcalde de Ponteareas, e na que se comunicou a intención do goberno en local no que se refire á mellora da calidade ambiental do Río Tea, a Plataforma en Defensa do Tea móstrase unha vez máis escéptica.

O Alcalde manifestoulle aos membros da Plataforma as súas pretensións en relación ao Río Tea, coa presentación de diferentes accións a realizar no Concello. Mais, algunhas das actuacións que o Alcalde considera propias foron realizadas ou van a realizarse grazas á presión da veciñanza, como as que se van a facer no Regato da Venda en Canedo ou as obras de saneamento realizadas en Angoares. Ademais, nesta mellora ambiental hai partidas que consideramos que nada contribúen á mellora do Río, como os case 600.000 euros no céspede artificial de Pardellas.

O problema principal do saneamento do Concello é a deficiente capacidade da Estación Depuradora de Augas Residuais do Concello, que agora se verá agravado coa conexión do saneamento das parroquias de Xinzo, Areas e Arnoso. Ademais, o alcalde non aclara se pretende ampliar a depuradora actual ou pensa construir unha nova.

Desde a Plataforma recordámoslle ao Alcalde que é o único responsable, como máximo dirixente da Administración local, da falta de saneamento dos veciños e que está a incumprir diferentes normas a todos os niveis, mesmo Directivas Comunitarias que obrigan a depurar as augas residuais de núcleos de poboación de máis de 2000 habitantes.

Desde a Plataforma esperamos un plan de Saneamento Integral do Concello, que reflexe as medidas concretas, orzamentadas e planificadas no tempo, para conseguir o obxectivo final: eliminar todos os puntos de verquido ao Río, para mellorar a calidade das augas que tamén se consumen no pobo, que moita provén da zona de Moreira, augas abaixo da depuradora de Ponteareas.

Mapa de vertidos na bacía do río Tea

Publicado en 03:31 | Por Tomás González | En

Neste mapa iremos referenciando tódolos puntos de vertido que atopamos ou nos comunicaron e, a poder ser, engadirémoslle unha foto identificativa. Ao haber moitos puntos xuntos, é recomendable que utilices o zoom para achegar a imaxe.
No pé do mapa mostrado, tes un enlace para abrir o mesmo e visualizalo máis grande.



Ver Mapa de vertidos na bacía do río Tea en un mapa más grande

Defendendo o Tea mantivo reuniom com alcaide de Ponte Areias

Publicado en 04:39 | Por Defendendo o Tea | En

Na tarde de 3 de Março membros da Plataforma Defendendo o Tea mantinham reuniom na Cámara Municipal de Ponte Areias com o alcaide Salvador González Solla e com o concelheiro de meio ambiente Víctor Sebastián. O encontro fora solicitado pola nossa parte para nos interessar polo estado das obras que com fundos do Plan E anunciárom iam ser acometidas no rio.

Nos vindouros dias subiremos as conclusons extraídas desta reuniom.



O CONCELLO XA TEN DEMOSTRADO QUE DA PUBLICIDADE Á REALIDADE DISTA MOITO

Publicado en 14:50 | Por Defendendo o Tea | En

Defendendo o Tea móstrase escéptica ante o
anuncio das novas obras que pretenden sanear o
Río Tea
Ante o anuncio realizado nos medios de comunicación polo Concello de Ponteareas, no
que se publicita a realización de novas obras co obxectivo de “sanear e mellorar a
calidade ambiental do río Tea”, a Plataforma Defendendo o Tea móstrase escéptica, pois
non é a primeira vez que desde a Administración Local se anuncia a realización de obras
con este obxectivo e, porén, o problema segue latente.
De todos os xeitos, desde a Plataforma considérase importante que o Concello recoñeza
que ten un grave problema sen solucionar. O Río Tea agoniza ante a presión dos
verquidos, un problema xerado por anos de crecemento incontrolado e irresponsable,
anos durante os que o Concello, gobernado polos mesmos que agora, nada fixeron para
solucionar o problema.
Ademais, as obras que se plantexan en pouco solucionarían o problema de fondo. A
capacidade de depuración da EDAR actual é máis que limitada, pobre para a poboación
do Concello, e entre as obras que agora se anuncian está a realización de novos
colectores, só unha separación de pluviais de fecais e obras na mellora do pretratamento
na estación depuradora da Moscadeira.
Desde a Plataforma consideramos que moitas destas obras, xunto coa finalización do
saneamento de Xinzo, Areas e Arnoso, outra obra prometida ano tras ano, e a finalización
doutros saneamentos promovidos co Plan E, contribuirán a aumentar o problema dunha
depuradora saturada, á que agora se lle queren facer uns remendos tecnolóxicos que
serán insuficientes para un caudal tan importante como o que xera o Concello.
A Plataforma tamén pedirá toda a documentación relacionada con estes proxectos e o
denominado “Plan de Regularización de Vertidos”, co obxectivo claro de conseguir
solucionar un problema xerado pola ineptitude da clase política e que, agora, segue sen
contar coa opinión dos colectivos sociais preocupados pola situación.
...
Plataforma Defendendo o Tea

Presentada publicamente Plataforma Defendendo o Tea

Publicado en 05:14 | Por Simbirsk | En ,


Na mañá do 16 de Xaneiro presentábase publicamente no multiusos de Ponteareas con importante asistencia de público a Plataforma Defendendo o Tea.

Queremos destacar como un feito moi positivo o respaldo de todas as organizacións que fan parte da plataforma así como de novas solicitades de alta, e a boa acollida da iniciativa tamén por persoas a título individual. É necesaria a unidade e colaboración de todo o pobo interesado na defensa do río Tea.

No acto distribuíuse un tríptico editado para a ocasión e proxectáronse imaxes da recollida de lixo do día 27 de Setembro e de diversos puntos con verquidos ilegais.

A Luís Pardo foi a quen se recoñeceu como verdadeiro impulsor da plataforma. Ao tempo que loitaba xunto da veciñanza de S.Vicente e Canedo polos accesos aos seu barrios, iniciaba contactos para que este proxecto botara a andar, consciente da necesidade salvagardar os ríos e regatos de cal quer agresión.

Desde a Plataforma queremos animar a todas e todos a vos sumar, participar e apoiar as actividades que se poñan en andamento.

A próxima reunión terá lugar este venres 29 de Xaneiro ás 21h no local de ASPRODICO en Canedo.

Tríptico de presentación da Plataforma

Publicado en 04:41 | Por Simbirsk | En

A nosa plataforma acaba de editar un tríptico de presentación para dar a coñecer as nosas preocupacións e propostas. A seguir colocamos o texto íntegro. Tamén podes descargar o tríptico en formato PDF clicando aqui.

Organizacións do Condado preocupadas pola persistente e crecente degradación medio ambiental do río Tea únense na creación da plataforma

DEFENDENDO O TEA

Na plataforma participan dende asociacións ecoloxistas e formacións políticas a asociacións de veciñais, e aberta a participación de calquera asociación, agrupación política, cultural ou social, e tamén persoas físicas preocupadas polo deterioro do Río Tea e o seu entorno e que desexen participar na súa defensa a través da plataforma.

Os problemas que padece o río Tea son moi preocupantes, primeiro por vellos e segundo porque, a pesar das denuncias realizadas durante anos por diferentes organizacións, estes persisten sen ningún tipo de resposta. O caso dos vertidos de augas residuais que ilegalmente verten ao río Tea os concellos de Ponteareas e Mondariz degradan a calidade das augas do río facendo que en algúns tramos bañarse supoña un risco para a saúde.

Moito do deterioro que padece o río Tea, integrado na Rede Natura 2000, é consecuencia directa da falla de sensibilidade e responsabilidade ambiental dos gobernos municipais. Por ese motivo a plataforma demandará das autoridades o cumprimento da lexislación que ten como finalidade e preservación da biodiversidade e a protección dos espacios naturais que na comarca forman parte da Rede Natura 2000.

Outro dos fins que persegue a Plataforma e divulgar a riqueza natural e etnográfica da comarca buscando a participación das veciñas e veciños na súa conservación.

A plataforma está aberta a toda persoa, colectivo, organización, partido... que consideren que e necesaria e urxente a mobilización na defensa do río Tea e do medio ambiente.

Contamos con todas e todos vós.

Presentación pública da Plataforma

Publicado en 05:40 | Por Simbirsk | En ,


No vindeiro 16 de Xaneiro de 2010 organizamos unha presentación pública da nosa Plataforma para dar a coñecer os nosos proxectos.

O acto terá lugar ás 11 horas no multiusos de Ponteareas.

Contamos contigo!