Escepticismo da Plataforma ante as declaracións erráticas do Alcalde de Ponteareas

Publicado en 13:01 | Por Defendendo o Tea | En

DESPOIS DA REUNIÓN MANTIDA CO REXEDOR DO PRINCIPAL CONCELLO RIBEIREÑO
Escepticismo da Plataforma ante as declaracións erráticas do Alcalde de Ponteareas en relación á recuperación do Tea

Despois da reunión mantida co Alcalde de Ponteareas, e na que se comunicou a intención do goberno en local no que se refire á mellora da calidade ambiental do Río Tea, a Plataforma en Defensa do Tea móstrase unha vez máis escéptica.

O Alcalde manifestoulle aos membros da Plataforma as súas pretensións en relación ao Río Tea, coa presentación de diferentes accións a realizar no Concello. Mais, algunhas das actuacións que o Alcalde considera propias foron realizadas ou van a realizarse grazas á presión da veciñanza, como as que se van a facer no Regato da Venda en Canedo ou as obras de saneamento realizadas en Angoares. Ademais, nesta mellora ambiental hai partidas que consideramos que nada contribúen á mellora do Río, como os case 600.000 euros no céspede artificial de Pardellas.

O problema principal do saneamento do Concello é a deficiente capacidade da Estación Depuradora de Augas Residuais do Concello, que agora se verá agravado coa conexión do saneamento das parroquias de Xinzo, Areas e Arnoso. Ademais, o alcalde non aclara se pretende ampliar a depuradora actual ou pensa construir unha nova.

Desde a Plataforma recordámoslle ao Alcalde que é o único responsable, como máximo dirixente da Administración local, da falta de saneamento dos veciños e que está a incumprir diferentes normas a todos os niveis, mesmo Directivas Comunitarias que obrigan a depurar as augas residuais de núcleos de poboación de máis de 2000 habitantes.

Desde a Plataforma esperamos un plan de Saneamento Integral do Concello, que reflexe as medidas concretas, orzamentadas e planificadas no tempo, para conseguir o obxectivo final: eliminar todos os puntos de verquido ao Río, para mellorar a calidade das augas que tamén se consumen no pobo, que moita provén da zona de Moreira, augas abaixo da depuradora de Ponteareas.

Comments (0)

Enviar um comentário