O CONCELLO XA TEN DEMOSTRADO QUE DA PUBLICIDADE Á REALIDADE DISTA MOITO

Publicado en 14:50 | Por Defendendo o Tea | En

Defendendo o Tea móstrase escéptica ante o
anuncio das novas obras que pretenden sanear o
Río Tea
Ante o anuncio realizado nos medios de comunicación polo Concello de Ponteareas, no
que se publicita a realización de novas obras co obxectivo de “sanear e mellorar a
calidade ambiental do río Tea”, a Plataforma Defendendo o Tea móstrase escéptica, pois
non é a primeira vez que desde a Administración Local se anuncia a realización de obras
con este obxectivo e, porén, o problema segue latente.
De todos os xeitos, desde a Plataforma considérase importante que o Concello recoñeza
que ten un grave problema sen solucionar. O Río Tea agoniza ante a presión dos
verquidos, un problema xerado por anos de crecemento incontrolado e irresponsable,
anos durante os que o Concello, gobernado polos mesmos que agora, nada fixeron para
solucionar o problema.
Ademais, as obras que se plantexan en pouco solucionarían o problema de fondo. A
capacidade de depuración da EDAR actual é máis que limitada, pobre para a poboación
do Concello, e entre as obras que agora se anuncian está a realización de novos
colectores, só unha separación de pluviais de fecais e obras na mellora do pretratamento
na estación depuradora da Moscadeira.
Desde a Plataforma consideramos que moitas destas obras, xunto coa finalización do
saneamento de Xinzo, Areas e Arnoso, outra obra prometida ano tras ano, e a finalización
doutros saneamentos promovidos co Plan E, contribuirán a aumentar o problema dunha
depuradora saturada, á que agora se lle queren facer uns remendos tecnolóxicos que
serán insuficientes para un caudal tan importante como o que xera o Concello.
A Plataforma tamén pedirá toda a documentación relacionada con estes proxectos e o
denominado “Plan de Regularización de Vertidos”, co obxectivo claro de conseguir
solucionar un problema xerado pola ineptitude da clase política e que, agora, segue sen
contar coa opinión dos colectivos sociais preocupados pola situación.
...
Plataforma Defendendo o Tea

Comments (0)

Enviar um comentário